Monday, 12 December 2011

A miña experiencia co "bilingüismo". Argumentos que desarman os ataques contra o idioma galego.

Fai moito tempo que non escribo no blog, pero aquí me tes de novo, querido lector, falándoche das miñas inquedanzas. Como che prometera, vouno facer en galego, para que vexas que son home de palabra, e que aquela promesa que che fixera de escribir máis na lingua de Rosalía non foron palabras baleiras que se perderon no ciberespazo. Unha vez máis, o tema que me ocupa é o propio idioma galego. Si, esa lingua proscrita, diabólica, infernal, coa que se escriben os conxuros das meigas, e cuxos falantes son perseguidos coma se dunha auténtica caza de bruxas se tratase. El gallego, la lengua prohibida. Por sorte, e para desgraza dos seus perseguidores, aquí no ciberespazo, baixo a atmosfera de Urano, moi lonxe de Galicia, ninguén pode prohibir xa o idioma galego, nunca máis. Ninguén pode facelo calar. Poderáse prohibir o galego en Galicia, pero ninguén pode prohibilo en internet, porque a internet é un mundo libre e indómito. Ninguén pode apagar aquí a chama da súa vitalidade. Neste meu pequeno recuncho da rede, o galego é unha lingua libre e ninguén pode impedirnos xa, nin a min nin a ti, que o cultivemos con liberdade, e mesmo que o utilicemos para comunicármonos co mundo, porque é unha lingua que tanto 250 millóns de lusófonos coma 400 millóns de hispanos deben entender na escrita sen maior dificultade. 650 millóns de almas van entender, palabra por palabra, o que vou escribir eu nesta entrada. Cultivar o galego en internet é un acto de rebeldía, porque só aquí o galego está lonxe do poder daqueles que o queren ver esmorecer en catividade. Hoxe toca defendelo de novo, pero desta volta toca defendelo de xente moi distinta.

Resulta que antonte, nun arrebato de curiosidade, coitado de min, metínme a cotillear nun dos foros da plataforma bífida, os de Galicia Bilingüe. Si, esa asociación chegada do espazo exterior nunha nave extraterrestre, e que ninguén sabe de que planeta veñen, integrada por xente humanoide que posúe dúas linguas. Unha aberración biolóxica! O caso é que vista a cantidade de despropósitos que publicaban os seus fanáticos seguidores, arranqueime a escribir un par de comentarios no blog da líder da nave nodriza, que cando quita a máscara, convértese en lagarta, para tratar de convencer da mellor maneira posible aos que se autodefinen coma invasores ou galegos impropios de que, por unha banda, o galego non é un impedimento para os nenos aprenderen linguas estranxeiras, e por outra, que tampouco o é para se familiarizaren coa terminoloxía científica e tecnolóxica de certas materias obrigatorias, coma a bioloxía, a química, a física, a tecnoloxía ou a historia, que eran os temas que nese momento se estaban a tratar. Pois, en principio todo foi ben, e a súa líder publicoume os primeiros dous comentarios, cousa que me sorprendeu moitísimo. Sen embargo, non todo foi marmelada. Unha vez publicados, os meus comentarios foron obxecto de mofa, escarnio e mal dizer por tódalas bestas salvaxes e monstros do inframundo cen veces malditos que alí se atopaban. Fun insultado e mandado a non sei cantos sitios, en varias ocasións, polos comentadores daquel infame blog.


Vilingües. En realidade son lagartos e comen ratas!

Por suposto, ningún deles foi quen de rebater os meus argumentos, porque cando non se teñen argumentos, botamos man das descalificacións, as burlas, a retranca e o chiste fácil. Recoñezo que a culpa é miña por meterme na boca do lobo, pero con gallardía, respondín de novo, coma sempre, con argumentos estritamente lingüísticos, deixando claro que non estou en absoluto de acordo cos postulados sobre os cales constrúen a gran falacia que pretenden vendernos, sinxelamente, porque a Filoloxía non os respalda. Eu fun formarme a unha facultade de Filoloxía durante moitos anos, e teño un mínimo de coñecementos para poder manter unha posición con respecto a este tema. Considero as discusións e os debates enriquecedores, pero sempre e cando a persoa que teña diante, teña algo interesante que achegar e manteña unha actitude positiva, que non era o caso. O escarnio daquelas criaturas con sete cabezas, posuídas polos espíritos de Satanás e Belcebú, continuou, pero desta volta xa non tiven dereito a réplica. Tentei responder cun último comentario en galego, e en inglés, para demostrar coa miña propia experiencia que estudei en galego toda a miña vida e que falo inglés perfectamente, pero o meu comentario non foi publicado. Desta vez, ao escribir en inglés, cheguei lonxe de mais. Coido que a líder non o esperaba e, sinxelamente, deixeina en bragas. Por suposto, non ía permitir que un comentario en perfecto inglés, que proviña dun paleto coma min, que escribía en galego, aparecese na caixa de comentarios. Fun censurado pola líder, mentres a agresividade verbal que se dirixía cara min e cara as outras persoas que defendían as mesmas ideas, continuaba de forma atroz a través de novos comentarios. Tenteino de novo, e tampouco. Non houbo resposta. Por suposto, estes agresores, aquelas criaturas do demo, simpatizantes da ideoloxía da plataforma bífida, por moi agresivos e insultantes que fosen, non foron censurados.

Tal e como eu imaxinaba, censuran á xente que ten argumentos para defender a postura que a eles non lles gusta. Aturaron dous comentarios meus, pero ao terceiro, censura. Censúranme a min, que son un rapaz de ben, educado e de boa familia, como se dicía antes. Pola contra, o que insulta e descalifica sen argumentar, sempre e cando o faga en castelán, non é censurado. Realmente non sei a que vén esa actitude por parte da líder. Supoño que se sentirá fracasada; e polo tanto, estará avinagrada. Pasará á historia coma unha friki, que só buscaba una batalliña, coa que poder abandeirarse avogada de causas perdidas, e gañar notoriedade pública; pero agora só é un xoguete roto. Utilizárona para a campaña electoral, como todo o mundo ben sabe, e agora estará amargada, dándolle ao coñac. Se xuntas iso coa etapa premenopáusica que estará a atravesar, xa non che quero nin contar. Quería ser unha estrela da literatura e gañar premios, e escribir un blog, e pór a súa foto con la melena al viento na portada, e ser o centro da atención no corrillo das súas amigas; pero a fama non dura eternamente e agora todos sabemos que volveu ao triste, húmido, frío e gris instituto onde lles imparte clases e corrixe exames aos alumnos que adoutrina no Apartheid lingüístico e que, ao mesmo tempo, non pode nin ver diante. A vida de sempre e a rutina de tódolos días, coma o resto dos mortais. Realmente penso que, agora que sabemos que ela censura os comentarios que non lle interesa ler na súa páxina web e no seu blog, ela mesma podería comezar a ser vetada e censurada en moitos outros medios, por exemplo. Pareceríame xusto, simplemente para que saiba o que se sinte. Aínda que, para que? Supoño que ninguén xa se lembrará dela e do seu grupúsculo de fanáticos reaccionarios. É totalmente patético, despois da repercusión mediática que tiveron, apenas ten 20 seguidores en Blogger e 300 en Facebook. A maioría deles, simpatizantes dende moitas outras rexións de España: Madrid, Castela-A Mancha, Castela e León, Murcia, Asturias, A Rioxa, Cantabria, etc. As de sempre, que nunha orxía de egolatría insultante, están todas moi contentas de terse coñecido a si mesmas. Gustaríame saber cantos deles son de Galicia ou de calquer outra nacionalidade histórica. Calquer plataforma popular deste tipo tería superado en España os 2,000 ou 3,000 seguidores en Facebook tranquilamente, e nos Estados Unidos xa non che quero nin contar. Por exemplo, a plataforma de Facebook para botar fóra do Gran Hermano a aquela concursante da Coruña por ter falado mal do galego e dicir que rexeitaría a un rapaz polo simple feito de ser galegofalante chegou aos 2,946 seguidores. E era só para botala fóra de algo tan vanal e irrelevante coma un concurso de televisión! Non era nada serio, a diferenza das propostas desta señora. Que vas comparar, ho? Que vas comparar. Esta xentalla tarada non representa a ninguén.

Desta volta non vou achegar probas das descalificacións e dos insultos, como fixera da última vez con aquel foro de independentistas cataláns, porque tan sinxelo é como visitar a páxina da devandita plataforma, entrar no blog da líder da nave nodriza e ler os comentarios cheos de odio, fanatismo cego, violencia verbal e agresividade desproporcionada cara as persoas que, con máis ou menos frecuencia, falamos, lemos ou escribimos en galego, e subliño persoas, porque a fin de contas, o galego só é un código lingüístico, compartido por unha comunidade; pero quen utiliza ese código son persoas. Penso que ningunha persoa merece este tratamento, case de infrahumano, polo simple feito de falar en galego. A súa ideoloxía, malia non o diciren explícitamente, ou mesmo chegaren a negalo, xa ten sido calificada de racismo lingüístico en máis dunha ocasión, e os galegos xa somos cans vellos, ho. Sabémolo ben! Non fai falta que nolo digan explícitamente, porque unha persoa se revela nos seus actos e nas súas palabras, e cando un profesa este odio tan irracional cara unha determinada comunidade, neste caso étnica, determinada pola lingua e a cultura, non fai falta confesar absolutamente nada. Lémbrame moito ao antisemitismo ou ao Apartheid. Considérannos inferiores, menos capacitados e con menor poder de comunicación, destinados a desaparecer sen remedio, canto antes, mellor. É terrible.

Afortunadamente, a censura acabou neste país hai corenta anos, e é xustamente iso o que a eles lles proe, e grazas a internet, hoxe calquera pode ter un blog e publicar o que pensa libremente na rede sen ser censurado. Tal carraxe me deu, que baixei ao inferno, o lugar onde nós, os sodomitas, pertencemos; fun consumido polo lume ardente e aos tres días resucitei de entre os mortos, e agora teño gana de botar pola boca todo o xofre que teño dentro do corpo. Pois disto mesmo vai a entrada de hoxe, imos desacreditar os postulados sobre os cales se sustenta a falacia da plataforma bífida, porque nós, os filólogos, non podemos quedar impasibles ante isto. Agora xa descubrín a deshonestidade que se agocha tras esa asociación, que baixo a bandeira da liberdade, só promove a xenofobia, ata tal punto de pretender segregar á sociedade dende a infancia. Verdadeiro Apartheid! Paréceme monstruoso. E ademais, penso que cae de caixón que se realmente lles importasen as dúas linguas, cousa que non é certa, farían exactamente o mesmo traballo que os equipos de normalización lingüística, que son os que reciben as queixas das agresións contra os galegofalantes; pero non, non o fan. En fin, eu tamén teño un blog moi chusquiño dende hai xa moito tempo e a min ninguén me censura.

1. A adquisición da lingua materna é involuntaria.

O primeiro punto que quería tocar é a falacia de que os pais escollen a lingua materna dos nenos. Non, como xa dixen, é unha falacia. Calquer lingüista sabe perfectamente que a adquisición da lingua materna é involuntaria. Os seres humanos non están xeneticamente predispostos a adquirir a lingua dos seus pais, senón a adquirir a capacidade da linguaxe, simplemente. Un neno chega a este mundo coa capacidade de desenvolver a linguaxe, sexa esta oral ou por signos, dependendo se o neno é oínte ou xordo; sen embargo, os pais non xogan ningún papel na adquisición da lingua materna. Un neno adquire como lingua, ou linguas, materna/-s as linguas ás que se expón durante os seus primeiros anos de vida dende os 0 ata os 13 anos, coma unha esponxa, sen esforzo e con absoluta naturalidade. Unha vez chegada a pubertade, as linguas xa non serán adquiridas con naturalidade, senón aprendidas, a base de pura chapatoria. É moi importante diferenciar entre lingua adquirida (ou materna) e lingua aprendida, que normalmente é sinónimo de lingua estranxeira. Polo tanto, un neno nado en Galicia non escolle se quere falar alemán, xaponés ou checo. Un neno galego expónse ás linguas do seu contorno inmediato: o galego e o castelán, independentemente de cal sexa a lingua que se fale na casa, e adquíreas. Ese período en lingüística chámase período crítico da adquisición das linguas maternas, que poden ser unha, dúas ou seis. Poñamos o caso estremo dos fillos de emigrantes galegos nados en Suíza, que poden chegar a falar alemán, francés, italiano, galego e castelán con absoluta naturalidade. O periodo crítico remata na pubertade (13 ou 14 anos), e a partir dese momento o corpo destina a enerxía a outros fins biolóxicos, pero dende os 0 ata os 13 anos a función dun neno é aprender, coma unha esponxa, sen esforzo. Polo tanto, no periodo de 0 a 3 anos, o neno aínda non ten ningunha lingua materna adquirida, senón que está no proceso de adquirilas. Cando os membros da plataforma bífida din que queren que aos nenos de 0 a 3 anos se lles ensine a falar na súa lingua materna, que para eles é sinónimo da lingua dos pais, están a deturpar o concepto de lingua materna, porque ese neno aínda non ten ningunha lingua materna adquirida, senón que aínda está no proceso de adquirila/-s. Ninguén escolle as súas linguas maternas. O neno adquire como linguas maternas as linguas ás que se expón durante os seus primeiros anos de vida.

Polo tanto, se o rapaz adquire o galego como lingua materna, malia ser unha adquisición pasiva, esta lingua non ten por que supor ningún obstáculo para a súa aprendizaxe e para o seu desenvolvemento académico. Os pais dun determinado neno, que queiran educar o seu neno en castelán, e impedir que o neno adquira o galego como lingua materna, realmente teñen que criar ese neno nunha urna de cristal, porque malia non o quixeren, o neno vai escoitar o galego na rúa, na tele, na radio, aos amigos, aos veciños, aos familiares, etc, e o galego vaille entrar polos oídos e por tódolos poros da súa pel. O neno adquirirá o galego como lingua materna, claro que si, se cadra dun xeito máis pasivo; pero dende logo, non vai ser nunca para el unha lingua estranxeira, como poden selo outras. Por moito que os pais teimen en falarlle ao neno en castelán na casa, o neno terá unha adquisición pasiva do galego, porque poderá comprendelo con absoluta normalidade e o galego permanecerá latente no seu cerebro ata o día no que el mesmo decida desenvolvelo. Polo tanto, non estou en absoluto de acordo cun dos postulados principais da plataforma bífida, porque a lingüística sinxelamente non o ampara. Penso que levan as cousas a extremos. Temos xa xeracións e xeracións de galegos educados co modelo do 50%, entre os que me inclúo, e non coñezo ningún compañeiro que teña ningún trauma por ter estudado en galego, tanto na secundaria, coma no bacharelato e na facultade. Non nego que poida haber nenos que teñan dificultades para desenvolvérense en máis dunha lingua, pero son a excepción que confirma a regla. A tódolos nenos, como seres humanos, dotados como tales da capacidade da linguaxe, presupónlleses a habilidade de adquirir e desenvolver máis dunha lingua materna. Se un determinado neno non o fixer, pois, habería que mirar que é o que pasa con ese neno. Pode ser que ese neno teña que acudir a un logopeda, porque teña algún tipo de problema, coma dislexia ou problemas desa natureza, ou simplemente pode ser que ese neno sexa máis especial que tódolos demais, porque ao mellor os fillos desta xente son especiais. Non o sei. Se cadra son un pouquiño especiais, coma os seus pais.

Por último, tampouco me parece pedagóxicamente axeitado segregar os nenos en función da lingua que escollan os seus pais; de feito, paréceme terrible. Paréceme monstruoso. Iso é unha segregación xenófoba da sociedade, case racista, os negros cos negros e os brancos cos brancos, propia da Sudáfrica do Apartheid. Paréceme mesmo inhumano, e sobre todo nesas idades, que os nenos queren xogar cos outros nenos e divertírense, pasalo ben e desfrutar da súa infancia, punto. A eles que lles importa que o seu amigo fale galego? A eles só lles importa o seu amigo, co que poidan xogar, sinxelamente. Non lles importa nada máis. A min cando era pequeno non me importaba que os meus amigos falasen castelán ou galego. Importábame estar con eles; e de feito, continúame a importar. O galego non lle estorba a eles; estórballe aos seus pais, máis ben. Os bífidos ampáranse en que queren ter o dereito de decidir a lingua na que escolarizan os nenos, pero eu penso sinceramente que na nosa sociedade non podemos darlle ás a este tipo de ideoloxías segregadoras. A sociedade ten que estar absolutamente por riba disto. Penso que en calquer ámbito debemos camiñar cara a integración e nunca apoiar a aplicación de políticas que promovan o contrario, sexa cal for o parámetro polo cal queiran disgregalos. Debemos apoiar modelos educativos integradores e non modelos clasistas e xenófobos que segreguen os rapaces. Iso do dereito de decidir dino eles daquela maneira, pola boca pequena. O único que queren é que os seus nenos non se xunten cos galegofalantes, e se non o quixeren, realmente non lles importaría tanto. 


Mirade este cartel do Apartheid. Está "adaptado ao bilingüismo"! (inglés e afrikáans) Mmm... Que sospeitoso! Verdadeiramente sospeitoso. Aquí é onde os bilingües se inspiran, ho. Esta debe de ser a súa ideoloxía de referencia!


Preséntovos á miña boa amiga JeeHye. É filla de emigrantes coreanos, nacida en Barcelona; e polo tanto, catalá. Coñecina na cidade de Leicester (Inglaterra), onde residín todo o ano pasado por mor do meu Erasmus (xa che contarei... ). O sodomita da dereita, como imaxinaredes, son eu, e como podedes apreciar, non teño pinta de reintegrata. Eu lávome, peitéome, aféitome, boto colonia e vístome con roupa decente. Ben, o caso é que a lingua da casa de JeeHye é o coreano, sen embargo, dado que naceu e medrou en Cataluña. JeeHye tamén fala perfectamente catalán e castelán como linguas maternas, porque esas son as linguas do seu contorno inmediato, e malia ser o coreano a lingua da casa, non tivo problema ningún para estudar tódalas materias do colexio en catalán (dialecto do occitano falado en Cataluña, España), coa única excepción da materia de lingua castelá, porque alí a inmersión lingüística na educación é plena. Ela mesma díxome que o sistema educativo catalán é integrador, sobre todo cos emigrantes, porque non se segrega ao alumnado en función da lingua materna ou calquer outro criterio, senón que todos están baixo as mesmas condicións, utilizando unha lingua vehicular común, que é a lingua de alí, da mesma maneira que en Madrid se emprega o castelán e o inglés en Londres. E cando digo linguas maternas, digo ben, linguas maternas. Non pensedes que pola cara asiática JeeHye ten algún tipo de acento estranxeiro. Non ten nada! Fala coma calquer rapaza de Barcelona! JeeHye ten tres linguas maternas, a lingua da casa e as linguas do país, e ademais, licenciouse o ano pasado en Filoloxía Inglesa, canda min. Polo tanto, fala catro linguas. Outros, pola contra, só teñen unha lingua por cerebro, e sobre todo en España, que é a meirande vergoña de Europa no que á aprendizaxe de linguas se refire.

2. Estudar en galego non impide coñecer terminoloxía científica e técnica.

Outro dos postulados ridículos desta asociación, que ademais utiliza para adoutrinar os rapaces, é o conto de que estudar en galego impídeche coñecer terminoloxía científica e técnica que che valla para estudar unha carreira o día de mañá. Primeiro, non a todo o mundo lle interesa estudar unha carreira. Segundo, non sei se esta xentalla algunha vez reparou en que a terminoloxía científica e técnica é universal, é dicir, este tipo de termos están presentes en tódalas linguas occidentais, porque son cultismos, préstamos lingüísticos, cuxos étimos remontan ao latín e ao grego. Algunha vez reparastes en como se di endosperma e fotosíntesis en galego? Adiviñádeo. Endosperma e fotosíntese. Mira que ben. Este é un postulado, ou mais ben excusa, pouco fundamentada, á par que ridícula. Polo tanto, non. É mentira. Mentira cochina. O galego non che impide coñecer terminoloxía científica e técnica para estudar unha carreira fóra de Galicia o día de mañá. E, por certo, por que hai que estudar a carreira fóra de Galicia? Eu fixen a miña carreira, Filoloxía Inglesa, nunha universidade galega, pública; son lingüísticamente competente en inglés, estou perfectamente formado e non collín piollos, eh.  E ademais, se queres estudar unha carreira fóra de Galicia, a ti que che importa que estatus teña o galego aquí? Queres marchar? Marcha. Quen cho impide? Home, eu persoalmente penso que é un discursiño co que hai que ir acabando xa, é dicir, Galicia non ten xente nova, temos unha poboación envellecida e non nacen tódolos nenos que deberían nacer. Estamos a quedar sen poboación, e os poucos que hai, marchan ou mátanse. Se investimos fondos públicos en formar os rapaces e a nosa sociedade non se beneficia da súa formación, porque marchan para fóra, de que serve facelo? Para que vale? En que nos beneficia? É dicir, eu penso que é un discurso co que hai que ir acabando. Como en Galicia non se vive en ningún sitio. Eu vivín un ano en Inglaterra e cando acabou o Erasmus vin de volta, pero a fume de carozo! 

Logo, dentro deste grupúsculo reaccionario, estánche os que queren que o inglés se converta en lingua vehicular no ensino. Xa sei que isto xa non ten que ver coas bases ideolóxicas desta asociación; pero si con xente que simpatiza con eles. Para empezar, comparar unha lingua oficial de España cunha lingua estranxeira paréceme desproporcionado, e ademais, non penso que haxa persoal para impartir materias en inglés, porque a xente en España non ten nin puta idea de inglés. Unha cousa é unha lingua oficial nun territorio, cuxo coñecemento é imprescindible, porque te capacita para ser un cidadán e para traballar nese territorio, e outra cousa é unha lingua estranxeira, que cha poden exixir nunha empresa privada, pero non nun posto público, non? Se queren que os rapaces aprendan inglés, que poñan menos alumnos por aula, que poñan máis horas de lingua inglesa, que poñan máis profesores de inglés e que cambien o método de ensinanza, porque unha lingua non se aprende só enchendo os ócos baleiros dos exercicios de gramática como quen fai un sudoku un domingo á tarde. A falar apréndese falando, e cando se ensina unha lingua estranxeira, hai que manter un equilibrio entre a gramática que ti queres que os nenos fixen e o desenvolvemento práctico da lingua. Cando se aprende unha lingua estranxeira, non todo é estudar estruturas e vocabulario. É tamén atreverse a falala, expresarte nela, sentirte cómodo cos sons desa lingua, aprender a atopar as túas propias solucións cando tentas expresarte e te atoas, exporse a ela dun xeito máis pasivo, escoitando cancións, vendo películas, etc. Iso é o que hai que facer para aprender inglés e outras linguas estranxeiras, e non estudar bioloxía en inglés, por exemplo, que non ten sentido ningún! Tan absurdo é estudar bioloxía en inglés que a catalogación universal da flora e da fauna deste mundo, por exemplo, está en latín, e non en inglés: carballo común = quercus robur, lobo ibérico = canis lupus signatus, lince ibérico = lynx pardinus. En fin.

E, por favor, dito sexa de paso, se verdadeiramente queren que a xente aprenda inglés, que deixen xa de dobrar tódalas películas americanas ao castelán! A min encantaríame ir unha vez ao cinema ver unha película americana en versión orixinal neste país! Poder sentir esa maravillosa experiencia, que só sentín unha vez na miña vida cando fun ver a Paixón de Cristo de Mel Gibson, porque estaba en latín e arameo! (subtitulada en castelán) Pero ver e entender o que estou vendo en versión orixinal e sen necesidade de mirar para os subtítulos? Xamais! Na casa cos DVD e o dual da televisión si, pero no cinema, xamais. Teñen que estar necesariamente tódalas películas dobradas ao castelán? Cantos cartos se invisten neste país en dobraxes de películas ao castelán? Logo, as linguas subvencionadas son as outras! E logo queremos que a xente aprenda inglés, urdu e mongol cando vivimos rodeados por un mundo castelanfalante (publicidade, mercado musical, cinema, libros, videoxogos, etc)! Así non hai maneira de aprender inglés nin de aprender nada! 

3. O galego non se impón.

O derradeito punto que me gustaría tocar é o tema da imposición do galego, que é outro dos temas que estas toupas bilingües sempre teñen na boca. Alguén me podería explicar cal é o marco legal que impón o galego? Que eu saiba o estatus do galego en Galicia está recollido no vixente estatuto de autonomía de Galicia, aprobado por unanimidade, que di o seguinte:

ARTIGO 5
  1. A lingua propia de Galicia é o galego.
  2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
  3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
  4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Onde se di que o galego debe imporse? Si, Maruxa! Que o galego teña que imporse non se di en ningures. Dise que é a lingua propia de Galicia, que vén sendo descubrir a sopa de allo, e que tanto o galego coma o castelán teñen o mesmo estatus oficial. Onde está a imposición? Que si, Maruxa! Eu non a vexo por ningún sitio. É moi ruín e deshonesto dicir que o galego se impón, porque non é certo. É mais, se cadra é o castelán o que se impón. Non serei eu quen fale en contra do castelán, porque eu non estou en contra de ningunha lingua (só estou moi a favor do galego); pero o certo é que a constitución española impón o español. A constitución española impón o español como a lingua común de tódolos españois, cando a realidade sociolingüística de España é moi distinta á que se recolle na devandita carta magna. Non existe ningunha "lingua común" de tódolos españois. Esa é outra falacia máis. Hai millóns, e digo ben, millóns de españois que non teñen como primeira lingua materna o castelán, sexa esta o aranés (gascón de Cataluña), o catalán (occitano de Cataluña), o valenciano, o catalán das baleares (occitano das Baleares), o galego, os dialectos do asturleonés, o vasco de Euskadi e Navarra, o aragonés de Huesca, ou mesmo o árabe de Marrocos en Ceuta e Melilla, e tamén as linguas dos emigrantes comunitarios e extracomunitarios (o alemán, o portugués, o romanés, o inglés, o chinés, o hindi, o árabe, etc), nacionalizados e sen nacionalizar. Somos case cincuenta millóns de españois. Algunha vez vos parastes a pensar canta xente neste país non ten como primeira lingua materna o español? Millóns, literalmente, e sen embargo, o español impóno a constitución como lingua común. Non hai lingua común. O que hai, e houbo sempre, son estratexias de enxeñería social, destinadas a homoxeneizar lingüísticamente España, por persoas coma eles e grupos radicais e terroristas vencellados á estrema dereita española (a de "una, grande y libre"). Iso é o que hai, así que non nos queirades facer parvos. Polo tanto, sabendo isto, como se pode ser tan cínico e dicir que o galego se impón? Si, Maruxa!

As toupas bilingües estas normalmente dinos que debemos compararnos cos nosos países do noso contorno inmediato, e normalmente póñenche os exemplos que a eles lles conveñen. Vale, comparémonos, pero non imos pór o carro diante dos bois. Antes de falar sobre Galicia, imos falar sobre España. Para empezar, o que pasa en España xa non pasa en ningún sitio. Non existe a lingua común de tódolos británicos, de tódolos estadounidenses, de tódolos suízos, de tódolos belgas ou de tódolos canadenses. En todos estes países occidentais non se impón legalmente unha lingua por riba das demais. Entón, se non queredes que se impoñan as linguas, propoñede un cambio constitucional, porque non se pode pór o carro diante dos bois, e que emenden a constitución para o español deixar de ser a lingua común de tódolos españois, porque senón entramos en situacións de conflitos legais entre as dúas linguas. Cando o III Reich manda emendar a constitución española para establecer un teito de gasto, eméndase cagando virutas; pero cando se ten que cambiar para outras cousas, facemos coma que non oímos. Pois logo non sexades hipócritas. Iso para comezar. O español impónse legalmente sen atender á realidade sociolingüística do país, e isto é un feito incontestable.

Logo, en países como Suíza non se dá unha situación forzosa de bilingüismo, onde dúas linguas oficiais conflúen no mesmo territorio. En cada cantón hai unha soa lingua oficial, o mesmo acontece con Bélxica ou no Canadá. En Zúrich fálase só alemán e en Xenevra fálase só francés, da mesma maneira, en Montreal fálase só francés e en Vancouver fálase só inglés. Se España for Suíza ou Canadá, en Galicia só se falaría e se estudaría en galego, e punto. De tódalas maneiras, a ningún Suízo se lle prohibe coñecer outra lingua do país. Todos sabemos que hai moitísimos suízos bilingües, aos que ademais lles interesa coñecer a lingua do lado, polo motivo que sexa: económico, laboral, etc. Os francófonos aprenden alemán e os xermanófonos aprenden francés, e os falantes de romanche tamén. Da mesma maneira, que a ningún galego se lle pode prohibir coñecer as linguas veciñas, coma o portugués, á que pode ter acceso pola vía rápida. Un galego pode estar tan interesado en aprender portugués coma un suízo de Xenevra en aprender alemán. Lembremos que o portugués é a sexta lingua do mundo e o país máis importante de América Latina, Brasil, non fala precisamente español. Brasil é unha potencia económica emerxente, membro dos chamados BRIC (Brasil, Rusia, India e China) e que xa superou a España en PIB dende hai varios anos, e que recentemente lle pasou por diante ao Reino Unido. A tódolos galegos DEBE interesarnos coñecer ben o portugués, por razóns máis ca evidentes.


Os chamados BRIC, acrónimo que en inglés significa tixolo, as potencias económicas emerxentes: Brasil, Rusia, India e China. Da mesma maneira que a un suízo de Xenevra, onde a lingua autóctona é o francés, pode interesarlle aprender alemán ou italiano, que pode ser a lingua autóctona do territorio contiguo, a nós, galegos, interésanos moito aprender ben portugués, de maneira que poidamos falar un galego sintacticamente e gramaticalmente correcto, limpo de castelanismos, construcións sintácticas propias do español ou fraseoloxía española, para facérmonos entender no país más importante de América Latina: Brasil. Só, nós, os galegos, estamos preparados para aprender portugués sen esforzo en pouco tempo, e sobre todo, para entender, mesmo sen estudalo, o portugués do Brasil, porque o portugués do Brasil é moi faciliño de entender. O portugués do Brasil é moito máis musical e silábico có portugués peninsular, xusto coma o galego!

Lembrade que galego e portugués son dúas linguas que forman un diasistema, coma os dialectos do árabe ou as linguas nórdicas. O concepto de diasistema é un concepto proposto polo lingüísta lituano Urien Weinreich no eido da dialectoloxía estrutural, a través do cal se poden agrupar varias linguas da mesma familia xenética nun só bloque. Non é un concepto ao mesmo nivel que o de lingua, senón un grao de abstracción máis. É un concepto superior ao de lingua. Se cadra poderiamos utilizar o sinónimo de macrolingua para entendérmonos mellor. Galego e portugués son dúas linguas distintas, xeneticamente emparenzadas, con dúas normas distintas e que presentan diferenzas a tódolos niveis (fonolóxicas, morfolóxicas, sintácticas, léxicas e semánticas), como xa vimos no artigo do isolacionismo; sen embargo, galego e portugués integran unha unidade maior: un diasistema. Dito noutras palabras, ti cando a un brasileiro lle falas en galego, non lle estás falando en chinés! Decátaste? A pesar das diferenzas evidentes, e da autonomía normativa do galego, que ninguén lle pode negar, a comunicación funciona dado o alto grao de compatibilidade mutua entre ambos membros do diasistema. Polo tanto, o noso galeguiño dános acceso pola vía rápida a unha das linguas máis importantes do mundo. Eu xa sei falar e escribir en portugués, como ben sabedes. Aprendino no Youtube e por internet. Agora tócavos a vós! Familiarizádevos co portugués, aínda que despois vos sintades máis cómodos falándolles aos brasileiros e aos portugueses directamente en galego, que é o que fago eu, porque me sinto moito máis cómodo e porque son consciente de que ambas linguas son perfectamente compatibles. Eu, dende logo, non preciso de ningún estándar híbrido reintegrata, que non é nin galego nin portugués, nin lingua materna de ninguén, nin oficial en ningún sitio, para facerme entender cun falante de portugués! O galego normal dá perfectamente! Aínda que só sexa para acostumarvos ao acento e que poidades entendelo sen problemas. Paga a pena! Facédeme caso.

Por certo, lembrade sempre que os brasileiros se dirixen á súa lingua como portugués do Brasil, e non "brasileiro". Brasileiro é unha nacionalidade; non un glotónimo. Tratade de chamarlle ás linguas como lle chaman os seus propios falantes. Digo isto, porque estou farto de escoitarllo aos reintegratas e aos cataláns, que lle chaman ao portugués do Brasil, "brasileiro", cando ese non é o nome que lle dan os seus propios falantes. Non sei con que intención, a verdade, pero o sospeito. Eu non sei se son subnormais ou o fan, pero eu, e calquer lingüista cordo, teño o bo costume de chamarlle ás linguas como lle chaman os seus falantes, e non me invento trabalinguas para dirixirme a elas. 


Enténdeselle perfectamente á presidenta do Brasil, a señora Dilma Rousseff, non si? Se un marroquí se fai entender cun palestino, a pesar das diferenzas que poidan existir entre as súas respectivas variantes, vós non tedes excusa para facervos entender cun brasileiro. Non tedes excusa!


Río de Xaneiro.


San Paulo.


Brasilia.


A chamada Lusofonía, o conxunto de países de fala portuguesa. Este é o mundo cara o que a vosa lingua, a lingua galega, pode proxectarse sen maior dificultade.

Entón, con este modelo, que é claramente maioritario en Europa e en América do Norte, evítanse situacións de conflito. A lingua oficial en Suíza é a lingua autóctona do cantón de turno e non coinciden dúas linguas oficiais no mesmo cantón. Da mesma maneira, non existe a lingua común de tódolos suízos, de tódolos belgas ou de tódolos canadenses, tampouco as constitucións británica e a americana, cuxa traxectoria democrática é moito máis extensa cá española, non recollen en ningún sitio que o inglés, unha lingua moitísimo máis importante có español, teña que ser a lingua común de tódolos británicos e tódolos americanos. Ademais, nestes países ocorre unha cousa que non ocorre en España, alí a xente desprázase de territorio a territorio con absoluta normalidade. Penso que España hoxe en día ten unha rede de estradas e trens de alta velocidade maravillosas, das que os cidadáns se poden beneficiar para desprazárense de territorio a territorio. Haiche pouca cultura do movemento. En España hai moitas comunidades autónomas onde se pode estudar todo integramente en español (Asturias, Cantabria, A Rioxa, Castela e León, Madrid, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura, Murcia, Andalucía, Canarias, Ceuta e Melilla), pero sen embargo, só hai unha onde se pode estudar, polo menos, un 50% das materias en galego. O que non quixer estudar parte das materias en galego, que colla camiño e marche para Castela e León, que está aí ao lado.

Agora fíxate nestas dúas fotos:


Este rapaz foi o meu compañeiro de piso en Leicester. Chámase Erik e é belga, concretamente de Flandres, onde se fala neerlandés (holandés).


Aquí estou de Leicester de marcha. Fixádevos na rapaciña loura da dereita. Chámase Céline, foi compañeira de clase en Leicester e tamén é de Bélxica, pero da zona francófona: Valonia.

Pois ben, o caso é que estes dous rapaces, Erik e Céline, sendo compatriotas, falaban entre eles en inglés. Non coñecían as súas respectivas linguas. Nin Céline falaba holandés nin Erik francés, e tiñan que falar entre eles en inglés. Isto sería impensable en España, non si? Imaxinádesvos un galego e un biscaíño véndose obrigados a utilizar o inglés como lingua auxiliar para comunicárense? Pois así é a Europa coa que os señores Vilingües queren que nos comparemos, porque segundo eles, resulta que alí se garante o dereito á liberdade de elección de lingua e en España non. Non se pode ser máis hipócrita!

0 comments: